Thursday 19 de September de 2024

O Concello instalará pasos de peóns con balizas semaforizadas na rúa Barcelona


O investimento, de 79.524 euros, mellorará a seguridade dun itinerario peonil que atravesa toda a cidade

O Concello da Coruña informa da adxudicación do contrato para instalación de balizas semaforizadas nos cruzamentos da rúa Barcelona coa avenida Das conchiñas, rúa Agra del Orzán e rúaAlcalde Lens. Cun investimento final de 79.524 euros, o proxecto enmárcase dentro do ámbito Urbana C e seguindo as medidas que se formulan no primeiro Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) da cidade.
A Concellaría de Mobilidade, que dirixe Begoña Freire, concretou que é preciso semaforizar os pasos de peóns nestes tres cruzamentos da rúa Barcelona, reforzándoos con balizas led, o que mellorará de xeito notable a seguridade do tránsito rodado pero, sobre todo, do peonil; actuando neste importante itinerario peonil polo que camiñan máis de 14.000 viandantes diarios- número de peóns superior, por exemplo, ao fluxo de coches da maioría de rúas-.
Freire sinalou que a actuación ten visión global e fomentará a mobilidade peonil nun itinerario que é unha auténtica “Rolda Peonil dos Barrios”, que comeza na rúa peonil da Gaiteira e no que se executaron ou están en execución distintas obras de fomento da mobilidade peonil como as do cruzamento baixo Alfonso Molina na rúa Pugna e Parga, o ascensor en Ramón Cabanillas ou a reurbanización de Anxo Senra.
“Esta solución que se emprega por primeira vez na Coruña, permite compatibilizar usos nun tramo que cruza todo o barrio do Agra del Orzán, e no que existen tres interseccións con tránsito rodado (avenida Conchiñas, cale Agra del Orzán e cale Alcalde Lens) que comunican O Ventorrillo, Rolda de Outeiro e Rolda deNelle,”.
Cun investimento de 79.524,59 euros -o que supón un aforro do 18,8% (18.400 euros) con respecto ao presuposto de licitación- e un prazo de execución de
dous meses, o proxecto adxudicouse a Iluminacións Viarias (Aluvisa).
A proposta definida pola área de Mobilidade permite mellorar a seguridade e permeabilidade peonil destes cruzamentos da rúa Barcelona a través dunha novidosa regulación con balizas led, semáforos e chatolas no pavimento para advertir o peón; cumprindo a normativa de accesibilidade vixente, incorpora avisadores acústicos; e minimiza o custo do proxecto, así como as molestias xeradas polas obras, porque aproveitará as conducións semafóricas e de iluminación existentes.